A reforma urbana de Loureiro segue en marcha e desde o Concello están decididos a reducir ao mínimo os prexuízos que os traballos poidan ocasionar a veciños e comerciantes. Con esta premisa xorde a colaboración entre o goberno local e a asociación de empresarios da rúa, bautizada como Eu Son Loureiro, que ten como obxectivo "dinamizar o comercio local e xerar vida nos barrios", declarou o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, acompañado pola presidenta do colectivo, María Diz.
A campaña está estruturada en varias fases. A primeira consistiu nun primeiro achegamento entre ambas as partes para analizar o número e tipo de negocios presentes na zona. A segunda baséase no traballo directo cos participantes, na elaboración dun censo de todos os comercios e na achega de material gráfico para realizar unha exposición sobre a historia desta rúa que servirá tamén para dinamizar o comercio de proximidade a través das redes sociais.
O terceiro paso da iniciativa contará xa cos clientes e centrarase na instalación de paneis na rúa con información sobre o tipo de comercios presentes no barrio. Para o mes de novembro está previsto a estrea dunha exposición titulada O Noso Barrio na que os escaparates da rúa lucirán fotografís históricas e emblemáticas da zona de Loureiro Crespo. Xa en decembro, para animar a campaña de Nadal, os comerciantes regalarán unha pulseira conmemorativa aos clientes e o Concello organizará visitas guiadas polo barrio.
"Temos comercios de moitos tipos, é un barrio con moita historia e o obxectivo non é só ser un barrio de primeira, tamén parecelo", declarou a presidenta da asociación de empresarios durante a presentación da campaña.
O orzamento que manexa o Concello para esta actividade rolda os 18.000 euros e o concelleiro de Mobilidade non descarta estender estas campañas ás reformas urbanas doutros barrios sempre que o empresariado e os veciños implíquense do mesmo xeito que ocorreu en Loureiro Crespo.
APARCAMENTO DISUASORIO EN VALDECORVOS
A renovación desta céntrica rúa non é a única obra en marcha que terá repercusión no comercio local. Comunica o goberno local que esta semana comezarán a construción dun novo aparcamento disuasorio na rúa Prado Novo do barrio de Valdecorvos. O prazo de execución previsto polo Concello é de 4 meses e á conclusión dos traballos quedarán habilitadas ao redor de sesenta novas prazas de estacionamento gratuíto.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.