A partir deste sábado 14 estará dispoñible o novo aparcadoiro de Valdecorvos

Pontevedra
13 de novembro 2020

O alcalde de Pontevedra visitaba este venres a obra nesta parcela situada entre a Rúa das Fragas e Prado Novo. Contará con 60 prazas de aparcadoiro. Miguel Anxo Fernández Lores avanzou que na Parda vai crearse un aparcadoiro temporal, previo ao definitivo de 400 prazas previsto coa obra da creación da nova instalación deportiva

Visita do alcalde de Pontevedra ao novo aparcadoiro de Valdecorvos
Visita do alcalde de Pontevedra ao novo aparcadoiro de Valdecorvos / Mónica Patxot

Situado no barrio de O Castañal, en Valdecorvos, este sábado 14 de novembro xa se poderá aparcar na área de estacionamento libre e gratuíta situada nas proximidades de Loureiro Crespo. Este venres o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo concelleiro Demetrio Gómez, visitaba a obra para ver a evolución dos traballos.

Fernández Lores sinalaba que este aparcamento era unha demanda do comercio da zona e da asociación veciñal e que espera que ofreza un servizo fundamental para aquelas persoas que carecen de aparcamento e para clientes do comercio próximo. 

A obra conta cun investimento de 70.000 euros e conta con dúas  espacos no que se sitúan 60 prazas para turismos. O alcalde indicou que os traballos se habían realizado nun tempo récord e xa só queda que finalicen a limitación da zona perimetral.

O rexedor recoñecía que desde as asociacións de veciños e de comerciantes demandábase tamén a mellora do parque de Valdecorvos pero indicaba que se está facendo un esforzo por mellorar toda esta zona este da cidade con calidade do centro urbano para integrar todo este espazo no modelo de cidade.

ESTACIONAMENTO NA PARDA

Fernández Lores manifestaba tamén que está prevista a creación dun aparcamento provisional na zona da Parda, un proxecto que se está elaborando co obxectivo de que se poida executar nos primeiros meses de 2021, segundo confirmaba o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez.

Este aparcamento tería un carácter temporal, tal e como explicaron, porque estaría á espera de que leve a cabo a creación da instalación deportiva na zona de 33.000 metros cadrados, que forma parte do convenio asinado con Renfe. 

A intención do goberno local é que a obra do estacionamento temporal sexa compatible co aparcamento de 400 prazas que acompañará á futura instalación deportiva. Lores recoñeceu que se trata dun proxecto complicado debido aos diferentes niveis que presenta o terreo. A proposta busca que este espazo conte cunha conexión peonil tanto cos edificios dos Xulgados da parda como co Conservatorio de Música.