O Parlamento demanda á Xunta melloras no conservatorio de música de Pontevedra

Pontevedra
27 de novembro 2020

En concreto, pídese que se continúe coa adaptación das ventás exteriores para mellorar a ventilación e avaliar as necesidades técnicas para dar cumprimento aos protocolos e plans anti-covid

Conservatorio de Música de Pontevedra
Conservatorio de Música de Pontevedra / Conservatorio de Música de Pontevedra

O Parlamento galego acordou por unanimidade demandar á Xunta que arranxe os problemas de ventilación no conservatorio de música Manuel Quiroga de Pontevedra, unha deficiencia nas instalacións que xa ocasionaba graves dificultades para a normal actividade do centro e que, agora, co actual contexto de pandemia, implica ademais un elevado risco para a saúde de profesorado e alumnado. 

A proposición non de lei do BNG aprobada este venres no Parlamento insta á Xunta a que resolva as deficiencias nos catro pisos do edifico do conservatorio, co arranxo de todas as fiestras na totalidade das instalacións, ademais de impulsar a avaliación das necesidades técnicas do centro para dar cumprimento aos protocolos e plans anti-covid.

Neste último sentido, o portavoz de Educación do BNG, Manuel Lourenzo, referiuse entre outras cuestións á ausencia de rede wifi e equipos informáticos dotados de cámaras web, carencia de recursos que imposibilita a implementación do protocolo de ensino virtual no conservatorio Manuel Quiroga.

A deputada do grupo popular Elena Suárez Sarmiento indicou que na reunión celebrada este xoves por parte da Xefatura Provincial de Educación en Pontevedra e o equipo directivo do Conservatorio de Música Manuel Quiroga, anunciouse a decisión de iniciar as obras nos vindeiros días.

Nesta reunión, a Xefatura Territorial puxo de manifesto que a única opción válida é acometer, en diferentes fases, as adaptacións da carpintería exterior para mellorar a ventilación do conservatorio con aire natural.

Deste xeito, anunciou que estas obras iniciaranse nos vindeiros días e afectará a arredor de 30 fiestras que precisan dunha intervención máis inmediata, unha actuación que suporá un investimento de 30.000 euros.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora