Hai dez meses a popular cómica Eva Soriano pasou uns días de vacacións en Pontevedra. Agora, o seu regreso á cidade non será por motivos persoais, senón profesionais.
'Cuerpos especiales', o programa que presenta en Europa FM, gravarase por primeira vez en Galicia. Será este mércores 11 de xuño, ás sete da tarde, no salón de actos da UNED.
Até alí trasladarase Soriano e o seu compañeiro á fronte deste "antimorning show", o tamén cómico e guionista Nacho García.
Acompañaranlles en Pontevedra todo o seu séquito de colaboradores habituais, entre os que figuran Dani Piqueras, Alba Cordero ou Javi Sánchez.
Esta gravación, que se leva a cabo grazas á colaboración con esta emisora de radio da UNED e o Concello de Pontevedra, farase con carácter aberto e emitirase ao día seguinte.
O público poderá asistir a esta gravación até completar aforamento.
Desde a organización afirman que a mellor maneira de asegurarte un oco para gozar deste live show é acudir ao recinto un pouco antes da hora marcada.
Esta nova actividade radiofónica confirma o dinamismo da UNED como centro universitario a distancia, apostando por unha maior permeabilidade coa sociedade pontevedresa a través da posta en marcha de toda unha serie de actividades.