O CEIP de Marcón viviu este venres 25 unha xornada histórica coa inauguración da súa radio escolar, que contou coa presenza do coñecido actor e humorista Xosé Antonio Touriñán.
O popular rostro da TVG chegou ás instalacións do centro educativo pontevedrés ás 11:10 da mañá para sorprender o alumnado e participar nunha serie de actividades cos estudantes que culminaron cunha entrevista na estreada emisora radiofónica do espazo escolar.
A visita, que levaba meses preparándose, foi estruturada para que todos os escolares do centro puidesen interactuar co artista.
Os máis pequenos, de infantil e primeiro e segundo de primaria, coñeceron a traxectoria profesional de Touriñán a través dunha presentación audiovisual preparada polo profesorado.
Para o alumnado de terceiro e cuarto, o encontro supuxo unha gran sorpresa, xa que por fin descubriron que Touriñán era o "actor misterioso" que durante todo o curso lles enviara misivas relacionadas co cine, tema central do proxecto educativo deste ano académico.
O momento máis esperado chegou cos estudantes de quinto e sexto de primaria, que tiveron a oportunidade de manter unha conversa persoal co humorista antes de realizar a entrevista inaugural da radio escolar. Durante a súa estadía no centro, o actor de Culleredo tamén tivo tempo para asinar autógrafos.

O claustro de profesorado do CEIP de Marcón expresou o seu agradecemento a Touriñán "pola súa amabilidade, cariño e comprensión" nunha xornada que cualificaron como "moi gratificante e enriquecedora" para toda a comunidade educativa.
Actualmente, o popular humorista compaxina esta visita co seu traballo na xira dos espectáculos "Aquí Tou!" e "Corentena Game Over", montaxe que presentará no Grove o vindeiro venres 2 de maio.
