Excarceran o condutor dun turismo ao saírse da estrada en Barro

Barro
09 de xullo 2026

Os bombeiros de Ribadumia retiraron unha das portas do vehículo para poder rescatar o condutor e único ocupante antes do seu traslado a un centro hospitalario

Ambulancia
Ambulancia / Mónica Patxot

Un accidente de tráfico rexistrado á primeira hora da tarde deste xoves no municipio pontevedrés de Barro saldouse cunha persoa ferida.

O sinistro consistiu nunha saída de vía dun turismo cando circulaba polo punto quilométrico 11 da estrada PO-226, á altura da parroquia de Perdecanai.

A central de emerxencias do 112 Galicia recibiu a alerta ás 14:50 horas a través da chamada dun particular.

A testemuña comunicou que no interior do automóbil atopábase un home de avanzada idade e que os veciños non conseguían abrir a estrutura para proceder á súa extracción.

Ante esta situación, o centro de atención coordinou o desprazamento do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos Bombeiros de Ribadumia.

O operativo completouse co aviso aos Bombeiros de Pontevedra, á Garda Civil de Tráfico, aos voluntarios de Protección Civil de Barro e aos equipos de mantemento das infraestruturas viarias.

Unha vez no lugar do accidente, os membros do parque de bombeiros de Ribadumia procederon a retirar a porta do coche para facilitar a saída do condutor, quen viaxaba só.

Despois de recibir as primeiras asistencias médicas no lugar do accidente, os profesionais sanitarios evacuaron o afectado en ambulancia cara a un centro hospitalario.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora