Especialistas do ámbito científico e profesional debaterán en Vilaboa sobre o presente e o futuro dos recursos do mar e do viñedo galego.
Será nunha xornada divulgativa que se celebrará este venres, desde as 17.00 horas, na Casa da Cultura de Riomaior.
Con esta proposta, que pon o foco na análise e no coñecemento, abrirase a décimo terceira edición da Festa do Viño e Mar de Vilaboa.
Baixo o título "Entre Mares e Cepas: Tradición e Innovación nos Recursos Mariños e Vitivinícolas", a sesión converterase nun punto de encontro para reflexionar sobre dous sectores que forman parte esencial da identidade e da economía local.
A primeira das mesas redondas estará dedicada ao marisqueo e aos cultivos de bivalvos, cunha análise da situación actual dos bancos produtivos, os efectos das condicións ambientais e as perspectivas de evolución dun sector fundamental na ría e no día a día de moitas familias.
Xa na segunda parte da tarde, a partir das 18.00 horas, o protagonismo trasladarase á terra e, máis concretamente, ao viñedo galego.
O debate xirará arredor das innovacións e das prácticas sostibles que marcan o rumbo das adegas, facendo especial fincapé nos desafíos climáticos e nas técnicas que buscan garantir calidade e competitividade.
Tras os coloquios, abertos á participación do público, a xornada servirá tamén como antesala do ambiente festivo.
Ás 19.00 horas terá lugar a inauguración oficial da edición de 2026, que durante toda a fin de semana converterá o entorno do viaduto de Riomaior nun espazo de encontro con viños, gastronomía, artesanía e música.