Expoñen tres opcións para devolver a area ás praias de Carabuxeira e Lavapanos

Sanxenxo
14 de febreiro 2020

O grupo de traballo das tres administracións, Costas, Xunta e Concello de Sanxenxo coñeceu na reunión deste venres os informes completos sobre a area depositada no fondo mariño da contorna da praia de Carabuxeira que confirman que procede deste areal e, por tanto, é a mellor posible para a súa rexeneración

A Carabuxeira (Sanxenxo) Xunta de Galicia

O grupo de traballo das tres administracións, Costas, Xunta e Concello de Sanxenxo coñeceu na reunión deste venres os informes completos sobre a area depositada no fondo mariño da contorna da praia de Carabuxeira que confirman que procede deste areal e, por tanto, é a mellor posible para a súa rexeneración.

A partir da confirmación idoneidade da area os técnicos expoñen tres posibilidades.

A primeira opción sería achegar area á praia sen a instalación de ningunha medida que evite o seu posible perdida. Esta opción sería a máis rápida, pero supoñería o risco importante de que se perdese o depositado no próximo outono e inverno.

A segunda alternativa consiste en depositar a area e á vez, instalar un xeotubo baixa a auga que garanta a fixación do árido na praia. Trátase de construír unha barreira mergullada composta de sacos de area que evitaría a perdida da depositada na praia, unha técnica que se utiliza en Holanda e outros países europeos.

Para a execución destes traballos é necesaria a autorización de Costas e o ideal sería declarar a obra de emerxencia para que se puidese facer a achega antes do verán, ou na súa falta, facer unha tramitación ambiental.

O concello, xa tivo que asumir algunha indemnización pola afección aos muros das vivendas pois a degradación da praia arrástrase desde 2008 polo que velará por unha tramitación breve.

A terceira posibilidade daríase se non se recoñece a emerxencia da obra, nese caso a autorización do xeotubo prolongaríase ata novembro ou decembro, o que faría imposible a rexeneración da praia este ano.

O Goberno local de Sanxenxo asegura que lle gustaría que fose posible a segunda opción porque permitiría resolver o problema para este verán e "en aras de achegar unha solución estable" e, ademais, supón a "aposta por un modelo de barreira, innovador e respectuoso co medio mariño". 

En calquera caso, hai que esperar os pronunciamentos das administracións competentes e respectar a súa decisión.