Nauta Sanxenxo ten previsto poñer en marcha este luns 26 de outubro a licitación da rexeneración da praia da Carabuxeira, o que supón o paso final a un proxecto que supuxo máis de dous anos de reunións entre as administracións implicadas (Costas, Portos de Galicia e o Concello).
Así o comunicou o Concello de Sanxenxo tras dar o alcalde, Telmo Martín, a orde de activar o proceso unha vez recibida a media mañá do venres a autorización de Costas para realizar os traballos.
Desta forma a recuperación da contorna do areal sairá a concurso por 143.270 euros e cun prazo de execución de 90 días laborables.
Os traballos consistirán na dragaxe e bombeo da area existente na contorna e o seu recheo en 70 metros lineais.
A primeira achega de area con carácter inmediato será de 10.000 metros cúbicos procedente da zona mergullada do propia fronte de praia. Para poder fixala faise necesaria a colocación de parte desta area dentro de xeotéxtiles de apoio construtivo para garantir a contención do material. Pola dificultade do enclave, con numerosos baixos na zona e un sedimento repartido entre eles, calcúlanse uns bombeos de area diario de 300 metros cúbicos.
O proxecto definitivo de rexeneración da Carabuxeira e Lavapanos contempla a achega de 14.000 metros cúbicos máis de area, pero ademais inclúe a construción dun dique para evitar a súa futura perda.