As exportacións a Estados Unidos supoñen xa o 35% do total de vendas de Rías Baixas no exterior

O Salnés
21 de abril 2026

Rías Baixas seguirá desenvolvendo este ano accións de promoción nos seus principais mercados, priorizando Estados Unidos, Reino Unido, Porto Rico, México, Irlanda, Países Baixos, Bélxica e Suíza

Botellas de viño
Botellas de viño / Juan Mejuto

A pesar do escenario incerto provocado polos aranceis de Trump, as guerras ou a crise enerxética, as exportacións do D.O. Rías Baixas seguen crecendo e, no caso de Estados Unidos, supoñen xa o 35% do total de vendas no exterior.

As 107 adegas que participan nos plans de exportación de Rías Baixas venderon en 2025 un total de 8.648.188 litros de viño, polos que os importadores estranxeiros pagaron 67.851.618 euros, segundo o balance publicado polo seu consello regulador.

Estes datos, que se traducen en máis de once millóns de botellas de viño, supoñen un aumento do 6,68 % en volume e dun 4,42% en valor con respecto a 2024.

"Temos unha folla de ruta clara que implica tentar anticiparnos a todos os cambios que se están producindo nos mercados", explicou o presidente do consello regulador de Rías Baixas, Isidoro Serantes.

O continente americano, con Estados Unidos á cabeza, continúa sendo o destino internacional de referencia para Rías Baixas, aínda que Europa tamén experimentou un incremento notable en 2025 liderado polas vendas en Reino Unido.

Así, Estados Unidos creceu un 5,38% e supera xa os 3 millóns de litros de viño exportados -24 millóns de euros en valor en vendas-, seguido por Reino Unido (+8,28%), Porto Rico (+2,62%) e Irlanda (+11,01%).

Tras eles, completan o 'top-ten' de países importadores México, Bélxica, Países Baixos, República Dominicana, Suecia e Alemaña.

De face a este ano, Rías Baixas avanza que traballará para seguir desenvolvendo accións de promoción nos seus principais mercados, priorizando Estados Unidos, Reino Unido, Porto Rico, México, Irlanda, Países Baixos, Bélxica e Suíza.

Haberá ademais accións puntuais, do mesmo xeito que o pasado ano, noutros países como República Dominicana, Dinamarca, Alemaña, Canadá, Italia e Xapón.