Os bombeiros de Pontevedra interviñan minutos antes das 15.00 horas deste venres para apagar un incendio que se rexistraba nas inmediacións do recinto que a empresa pasteira Ence ocupa en Lourizán.
Un particular que paseaba por esta zona alertaba aos bombeiros da presenza de lume entre a maleza que se atopa nese espazo situado próximo á antiga vía do tren e a Rúa Rosalía de Castro, a estrada entre Pontevedra e Marín.
Segundo explicaban desde o Parque Municipal de Bombeiros, traballadores de Ence tamén chamaron avisando da presenza de fume nesa contorna, que se atopa preto a uns silos de almacenaxe de estelas.
O lume producíase na zona perimetral das instalacións que ocupaba a fábrica de Elnosa e a escasa distancia do recinto de Ence. Os bombeiros actuaron de inmediato apagando as lapas e os traballadores da factoría colaboraron tamén nos labores para evitar que o lume se propagase cara ao interior desde as matogueiras e as silvas, que comezaran a arder por causas aínda por determinar.
A dirección de Ence Pontevedra sinala que a orixe do incendio non se atopa relacionada con ningunha actividade que se execute no interior da fábrica e sinala que non se produciron danos en ningunha das infraestruturas nin tampouco danos persoais.
A intervención foi rápida, segundo manifestaban os bombeiros, ao tratarse dunha zona de restrollos e non resultou difícil controlar o lume.