Unha fachada litoral máis accesible en Vilanova cunha pasarela peonil e unha nova senda

O Salnés
15 de xullo 2025
Actualizado: 17:18

Turismo de Galicia e o goberno municipal colaborarán na construción dunha pasarela peonil e da senda Rego do Alcalde, na parroquia de San Miguel de Deiro, para embelecer o litoral da vila

Praia do Terrón, Vilanova de Arousa
Praia do Terrón, Vilanova de Arousa

Turismo de Galicia e o Concello de Vilanova de Arousa asinarán proximante un convenio de colaboración que permitirá embelecer o litoral deste municipio pontevedrés.

O acordo, que foi aprobado este martes polo Consello da Xunta, recolle a construción dunha pasarela peonil e da senda Rego do Alcalde, na parroquia de San Miguel de Deiro.

En concreto, o convenio asegura a construción dunha nova pasarela peonil que permita dar continuidade ao tránsito peonil na fronte litoral da parroquia de San Miguel de Deiro, na zona da contorna da praia das Patiñas e da desembocadura do Rego do Alcalde.

Ademais, executarase unha senda peonil deste último punto, xa que os camiños existentes non cumpren coas condicións de itinerario peonil accesible.

Estas actuacións buscan recuperar e dar continuidade peonil á servidume de tránsito de costas no bordo litoral, así como poñer en valor a fronte marítima costeira no que se actúa.

Ao facilitar a conexión para peóns no litoral dos concellos de Vilanova de Arousa e Cambados, contribúese tamén a fomentar o coñecemento do patrimonio cultural da zona, como a variante espiritual do Camiño de Santiago ou o embarcadoiro romano de Rego do Alcalde.

Estas actuacións están enmarcadas no plan de recuperación, transformación e resiliencia de Galicia, que recolle unha liña de investimento para a transformación do modelo turístico cara á sustentabilidade.

En Galicia, este plan deseñouse en 2021 e ten como prioridade o fomento e execución de actuacións de turismo sustentable en destinos do litoral da propia comunidade autónoma.