Factoría Naval empeza a negociar cos sindicatos as condicións do ERE ao seu plantel

Marín
12 de xuño 2014

Unha representación dos traballadores reúnese coa alcaldesa de Marín en busca do seu apoio e intentando lograr un encontro co conselleiro de Industria, Francisco Conde

María Ramallo recibe no Concello de Marín ao comité de empresa de Factoría Naval
María Ramallo recibe no Concello de Marín ao comité de empresa de Factoría Naval / PontevedraViva

Representantes de Factoría Naval e dos traballadores constituíron este xoves a mesa negociadora do Expediente de Regulación de Emprego que o estaleiro pretende aplicar ao seu plantel.

Neste primeiro encontro a empresa explicou á representación dos empregados a situación actual na que se encontra, cunha débeda de máis de 70 millóns de euros e unha facturación "moi pequena e con pouca carga de traballo", segundo explicou o secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa.

Ambas as dúas partes volverán ver as caras o día 19 de xuño, un encontro no que está previsto profundiazar nas condicións do ERE, que pretende suspender os contratos do plantel durante 12 meses mentres non exista carga de traballo.

Entre tanto o comité de empresa de Factoría Naval quere reunirse co conselleiro de Industria, Francisco Conde, porque segundo explicou García Pedrosa "aquí hai unha inversión importante da Xunta para pagar aos acredores, se fixo unha aposta económica importante e queremos ver se hai posibilidade de que a empresa poida ter continuidade".

Ese é un dos motivos do encontro deste xoves entre traballadores e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, que se comprometeu a mediar para que esa reunión se poida producir nun breve espazo de tempo.

Nestes momentos, asegura Pedrosa, os principais acredores de Factoría Naval son Bankia e Novagalicia Banco, entidades coas que a través do proceso concursal se pretende negociar unha quita, para o que "será importante o apoio que poida haber por parte da Xunta", recoñeceu o representante de Comisións Obreiras.