O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mostrou o seu apoio ao equipo de Factoría Naval de Marín, que se encontra en concurso de acredores e en proceso de venda, durante a reunión mantida esta tarde en Santiago cos representantes sindicais e coa alcaldesa de Marín, María Ramallo.
Segundo indicou o secretario comarcal de Comisións Obreiras José Luis García Pedrosa, á saída da reunión, a pesar de que a Consellería non pode intervir neste momento si existe un contacto co administrador concursal. Francisco Conde afirmou que intentará mediar para que as tres empresas que presentaron propostas para adquirir Factoría Naval aposten pola continuidade dos 21 traballadores que actualmente forman parte do persoal da entidade asumindo un novo ERE temporal de seis meses dende o pasado 1 de novembro. O titular de Industria coincide, desta forma, cos representantes sindicais en que o importante é manter a actividade e os postos de traballo. A Xunta chegou a investir 17 millóns de euros nesta empresa para saldar débedas con provedores e intentar garantir o seu futuro.
Neste sentido, os representantes sindicais solicitarán unha entrevista tamén co administrador concursal para trasladarlle as súas preocupacións e intentar coñecer cales son as tres empresas que presentaron ofertas non vinculantes por Factoría Naval.
Ademais, os traballadores manterán unha asemblea o próximo venres 14 de novembro para analizar a actual situación.