Falece Francisco Javier Cobián, alcalde de Pontevedra entre 1991 e 1995

Pontevedra
28 de agosto 2021
Actualizado: 29 de agosto

Francisco Javier "Pancho" Cobián Salgado, natural da Estrada, contaba con 77 anos. O presidente local do Partido Popular, Rafa Domínguez, comunicaba o falecemento en redes sociais e lamentaba a morte do que considera "un dos mellores alcaldes que tivo Pontevedra". O funeral será este luns 30 ás 18.00 horas na Basílica de Santa María

Rafa Domínguez e Javier Cobián, ex alcalde de Pontevedra
Rafa Domínguez e Javier Cobián, ex alcalde de Pontevedra / Partido Popular de Pontevedra

Francisco Javier Cobián Salgado, o que foi alcalde de Pontevedra desde o ano 1991 ata 1995 co Partido Popular, falecía nas últimas horas.

"Pancho" Cobián como era coñecido popularmente era natural do municipio da Estrada, onde naceu no ano 1944 pero, aos poucos meses do seu nacemento, a súa familia xa se trasladou a Pontevedra onde estableceu o seu domicilio.

Ao longo da súa traxectoria profesional, traballou como técnico de Facenda, en Vigo e en Pontevedra, para tamén emprender un proxecto co seu irmán á fronte dunha xestoría familiar. Era pai de tres fillas. 

Os seus inicios políticos remontábanse a 1987. Precisamente, o presidente local do Partido Popular, Rafa Domínguez, trasladaba a través das redes sociais a noticia do seu falecemento, lembrando cunha foto o encontro que mantivo co ex alcalde en maio de 2019. Naquel momento, Pancho Cobián, que se mantiña ao marxe da política desde que deixara a alcaldía, mostraba o seu apoio público ao candidato dos populares.

Tamén o presidente provincial do PP, Alfonso Rueda, transmitía o seu pesar en Twitter ao igual que o alcalde de Pontevedrda, Miguel Anxo Fernández Lores e a Deputación Provincial, que destaca o seu labor como defensor da Universidade Pública.

O funeral terá lugar este luns 30 de agosto a partir das 18.00 horas na Basílica de Santa Marín.