Falece Joaquín Queizán, alcalde de Pontevedra entre os anos 74 e 79

Pontevedra
24 de novembro 2012

O ex-rexedor pontevedrés faleceu de madrugada aos 84 anos de idade. Ocupou diversos cargos públicos ao longo da súa extensa vida política.

Joaquín Queizán Taboada, ex alcalde de Pontevedra
Joaquín Queizán Taboada, ex alcalde de Pontevedra

Joaquín Queizán Taboada faleceu na madrugada deste sábado aos 84 anos de idade.

Queizán Taboada foi protagonista dunha extensa vida política moi ligada á cidade de Pontevedra, onde foi concelleiro nas corporacións lideradas por Filgueira Valverde, García Borregón e Augusto García Sánchez, converténdose despois no último alcalde da ditadura.

O ex-rexedor da capital entre os anos 1974 e 1979 liderou a institución nos anos da transición ata a chegada de José Rivas Fontán ao cargo.

O Concello de Pontevedra mandou un telegrama de pésame á familia do político, recordado polo actual alcalde Miguel Fernández Lores como unha persoa respectuosa, "despois de alcalde foi representante do goberno galego e sempre mantivo unha posición respectuosa coas institucións, un comportamento que hai que agradecer".

Joaquín Queizán tamén foi delegado provincial de Turismo, Xuventude e Deportes, logo de Cultura, Deportes e Benestar Social, e para rematar de Presidencia.

A capela ardente foi instalada no tanatorio de San Mauro e o domingo será enterrado na intimidade familiar. O luns 26, ás oito de tarde, na Basílica de Santa María a Maior, será oficiado o funeral polo seu eterno descanso.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora