Falece José Luis Fernández Sieira, o eterno Amigo de Pontevedra

Pontevedra
06 de maio 2019

O presidente de honra da Filarmónica de Pontevedra e presidente de Amigos de Pontevedra faleceu na mañá deste domingo 5 de maio. O funeral vai desenvolverse na basílica de Santa María este luns a partir das 17.00 horas

José Luis Fernández Sieira
José Luis Fernández Sieira

José Luis Fernández Sieira, un pontevedrés que sempre foi referencia na Boa Vila como representante da música, a literatura e as artes escénicas, faleceu este domingo 5 de maio aos 81 anos.

Nacido na Pobra no ano 1928, trasladouse coa súa nai a Pontevedra aos dous anos de idade. Desde moi novo interesouse polo mundo artístico. Aos 18 anos ingresou na Filarmónica, entidade que presidiría entre 1984 e 1994. Tras esa década á fronte da sociedade recibiu o nomeamento de presidente de honra. Tamén recibiu a insignia de ouro da Coral Polifónica.

Durante os últimos anos presidiu Amigos de Pontevedra, a agrupación que todos os anos premia durante as festas da Peregrina a aqueles pontevedreses que se caracterizaron polo seu labor profesional.

Desde principios dos anos 80, o propio Fernández Sieira, pai da xornalista Loreto Fernández de Televisión Española, elaboraba as descricións dos galardoados ata que en 2017 pasou a testemuña ao xornalista Xabier Fortes.

O velorio está situado nas salas Virxe do Camiño, nas instalacións do antigo asilo. A partir das 17.00 horas deste luns terá lugar o funeral na basílica de Santa María