Falece no Hospital do Salnés unha cuarta paciente que procedía da Residencia DomusVi de Ribadumia

O Salnés
13 de novembro 2020

O Servizo Galego de Saúde informaba de dez vítimas mortais nas últimas 24 horas por covid-19 en Galicia, entre elas atópase unha muller de 81 anos, cuarta vítima nos últimos días procedente da Residencia DomusVi de Ribadumia. A muller presentaba patoloxías previas, segundo a información da Consellería de Sanidade

Hospital do Salnés
Hospital do Salnés / PontevedraViva

Este venres sumouse á cifra de falecidos en Galicia, outras dez persoas. Entre elas atópase unha muller de 81 anos que finaba durante as últimas horas no Hospital do Salnés, onde ingresara procedente da Residencia  DomusVi Ribadumia.

Trátase da cuarta vítima mortal durante os últimos días que procede dese centro de atención a persoas maiores do Salnés. Segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade, a muller presentaba patoloxías previas.

É o falecemento número 42 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés desde o inicio da pandemia.

A cifra de persoas falecidas en Galicia debido á pandemia ascende xa a 1.046 pacientes. Entre as últimas vítimas atópase un home de 56 anos, unha muller de 84, un home de 77 e outro de 80, que perdían a vida no Complexo Hospitalario da Coruña.

A eles súmase unha muller de 87 anos, que falecía no Hospital de Santiago, procedente da Residencia Santa Olalla de Boqueixón; unha muller de 85 anos, que morría no Hospital de Monforte; outra muller de 83, falecida no Complexo Hospitalario de Ferrol e un home de 83 anos de idade, que perdía a vida no Complexo Hospitalario de Vigo, onde se atopaba ingresado tras ser trasladado da Residencia de Salvaterra de Miño.

A estas vítimas hai que sumar unha muller de 92 anos, que se atopaba na Residencia Nosa Señora de Barbadás, en Ourense. Segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade, todos estas persoas infectadas contaban con enfermidades previas no seu historial clínico.