Aos 91 anos de idade falecía este domingo José González Solla, coñecido como Pepe Solla pai, fundador do restaurante Casa Solla, que lograba en 1980 a prestixiosa estrela Michelín. Na actualidade, un dos seus tres fillos, o coñecido restaurador Pepe Solla, é o propietario do negocio.
José González Solla iniciou o proxecto de Casa Solla no ano 1961 e, a través dun trato próximo e dunha calidade culinaria baseada en produtos da terra, logrou unha recoñecida sona. Ao longo da súa dilatada carreira profesional obtivo a Medalla ao Traballo da asociación de traballadores de hostalería de Vigo, presidiu a Asociación Amigos da Cociña Galega, acadou o premio Pontevedreses do Ano en 2011 e foi integrante da Peña da Boina e do Club de Leóns. En 2014 recibía unha emotiva homenaxe a cargo do Centro Superior de Hostalería de Galicia na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
A noticia provocou consternación entre numerosas persoas do mundo gastronómico e entre a veciñanza de Poio onde se vela o seu corpo no tanatorio San Marcos. O funeral será este martes 7 ás 12.00 horas na Igrexa de San Salvador de Poio.