Falece un ciclista atropelado por unha furgoneta na Autovía de Marín

Pontevedra
09 de xaneiro 2015
Actualizado: 18:31

O suceso produciuse pasadas as 16.10 horas cando a vítima circulaba con outro ciclista pola PO-11 e foi alcanzado por unha furgoneta de reparto da empresa Servilar de Marín. O falecido era un veciño de Marín de 47 anos

Atropelo dun ciclista na Autovía de Marín
Atropelo dun ciclista na Autovía de Marín / PontevedraViva

Un ciclista falecía atropelado na tarde deste venres 9 de xaneiro na autovía de Marín ao ser alcanzado por unha furgoneta de repartición cando circulaba por este vial en compañía doutro ciclista en dirección a Pontevedra. Trátase dun veciño de Marín de 47 anos.

O accidente producíase arredor das 16.10 horas no carril da PO-11 que se dirixe cara ao centro urbano de Pontevedra á altura do enlace de acceso á autoestrada e á variante de Marín. Ambos os dous vehículos circulaban en direccióin a Pontevedra. 

Segundo as primeiras indagacións, a furgoneta Renault Traffic da empresa Servilar Decoración, con sede situada na rúa Jaime Janer de Marín, atropelou por detrás e a gran velocidade á vítima, que faleceu no acto. Unha ambulancia medicalizada de Urxencias Médicas achegouse ata o punto do suceso sen que puidesen facer nada por salvar a vida do accidentado.

O condutor da furgoneta é un home de 62 anos que deu negativo na proba de alcoholemia. Presentou unha taxa de alcohol de 0,15 miligramos por litro de aire expirado, isto é, non superaba o límite permitido, establecido no seu caso en 0,25.

O home declarou ante os axentes da Garda Civil que non vira o ciclista. O sol quedaba ás costas dos condutores no momento en que se produciu o atropelo. Segundo informou o Servizo de Emerxencias do 112 ao lugar trasladáronse unha unidade de Urxencias Médicas, unha dotación da Garda Civil de Tráfico e Protección Civil de Marín.

Trátase do primeiro accidente mortal nas estradas comarcais durante este 2015. No mes de setembro de 2014, un ciclista resultara ferido de gravidade por un accidente na Avenida de Ourense, en Marín e en xaneiro de 2013, outro ciclista falecía nos arredores á entrada do Porto de Marín.