O colectivo Masa Crítica equipa as súas bicicletas con cámaras para denunciar aos vehículos infractores

Pontevedra
07 de maio 2015

O grupo Masa Crítica pon en marcha unha campaña de concienciación e denuncia para os condutores que poñen en risco a seguridade dos ciclistas

Pelotón de ciclistas pola autovía de Marín (arquivo)
Pelotón de ciclistas pola autovía de Marín (arquivo) / Mónica Patxot

O colectivo de ciclistas Masa Crítica toma medidas ante as vulneracións que sofren enriba da bicicleta cando saen á estrada. Ademais do casco e das pezas reflectantes os ciclistas incluirán entre a súa equipación obrigatoria unha cámara coa que gravarán as súas saídas para poder denunciar aos vehículos que cometan infraccións contra o seu colectivo.

A medida tomada polos ciclistas deste grupo pretende non só denunciar, senón que levarán ata o final as denuncias segundo Quique Pérez, membro do colectivo. Esta medida funcionará ademais como unha campaña de concienciación. As denuncias voluntarias que recollan coas súas cámaras serán presentadas na Dirección General de Tráfico (DGT). Entre as infraccións que se denuncian está o incumprimento da separación lateral mínima de 1.5 metros, as condutas agresivas, incumprimento de prioridades de paso en interseccións ou outras infraccións de risco.

Masa Crítica ten en conta e destaca que "esta campaña vaile custar cartos e doerlle ós conductores pero custa máis un enterro e doe moito máis perder un ser querido". Pero dende o colectivo non están dispostos a que a súa "seguridade e a nosa saúde se poña en risco de forma gratuíta" polo que con esta campaña pretenden esixir respecto ademais do cumprimento estrito de todas as normas de tráfico.

Esta campaña iníciana a raíz das declaracións do xefe provincial de tráfico anunciando que a DGT estuda a posibilidade de prohibir a circulación de bicicletas na autovía de Marín.