Falece unha muller de 78 anos en Montecelo con covid-19, vítima 213 na área desde o inicio da pandemia

Pontevedra
14 de decembro 2021

A Consellería de Sanidade informaba este martes do falecemento desta paciente, que se rexistraba durante o luns 13. Notificáronse outras tres mortes máis en Galicia de persoas coa enfermidade durante as últimas horas

Vacinación na delegación da Xunta en Pontevedra
Vacinación na delegación da Xunta en Pontevedra / PontevedraViva

Unha muller que falecía este luns 13 convertíase na vítima 213 na área sanitaria desde o inicio da pandemia.

Segundo a información facilitada este martes pola Consellería de Sanidade, a paciente, de 78 anos de idade, atopábase ingresada no Hospital Montecelo e contaba con outras enfermidades previas no seu historial clínico.

A anterior morte na área de Pontevedra-O Salnés como consecuencia da pandemia notificouse o sábado. Tratábase dun home de 91 anos, que tamén perdía a vida en Montecelo.

Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 21.836 pacientes, 45 máis nas últimas horas.

Nesta mesma xornada, a Consellería de Sanidade tamén notificaba outros tres decesos en Galicia.

Un home de 86 anos, falecido na Coruña, durante o luns 13 e outras dúas mulleres que morrían en Vigo este martes, unha de 90 anos, en Povisa; e a outra vítima contaba con 92 anos e perdía a vida na Residencia CLECE Pardo Bazán. Todas as vítimas contaban con patoloxías previas.

PREVISIÓN DE VACINA PARA POBOACIÓN INFANTIL

Este mércores 15 iniciarase a vacinación de poboación infantil con idades comprendidas entre os 5 e os 11 anos.

Segundo informan desde a Xerencia do Complexo Hospitalario de Pontevedra será sempre en quenda de tarde e mediante cita, que se recibirá por SMS, indicando a data, hora e lugar no que deberá comparecer.

Ademais, o SMS ofrecerá unha ligazón para descargar o consentimento informado. Só se permitirá a entrada do menor acompañado dunha única persoa adulta que deberá achegar o consentimento xa asinado.

Está previsto que no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo se acheguen 1.345 doses a menores durante a tarde, mentres que pola mañá se inocularán 1.700 terceiras doses a cidadanía con idades comprendidas entre os 50 e os 59 anos.

No Hospital do Salnés vacinaranse pola tarde 465 escolares con idades situadas entre os 5 e os 11 anos. Na Antiga Comandancia da Mariña en Vilagarcía de Arousa está previsto que se inxecten 460 terceiras doses a persoas que se atopan na franxa entre 50 e 59 durante a quenda de mañá.

Tanto no Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra como na  Comandancia de Vilagarcía seguirase vacinando a todas aquelas persoas que acudan e que, ata o momento, non se puxeron ningunha dose de vacina, ademais de repescas de persoas maiores de 60 anos e persoal sanitario e sociosanitario.