Familiares de vítimas de atropelos farán pedagoxía social sobre a necesidade do uso dos lombos

Pontevedra
25 de setembro 2015

Bará considera que o acordo plenario contra os lombos non é vinculante, mentres que o PP e o PSOE alertan de que queren estar presentes nos encontros que o goberno local vai manter cos veciños para falar sobre os pasos elevados

Modificación dos pasos de peóns elevados na avenida de Marín
Modificación dos pasos de peóns elevados na avenida de Marín / Diego Torrado
Bará explica como os familiares das vítimas de atropelo farán pedagoxía social no tema dos lombos /

O concelleiro de mobilidade urbana, Luís Bará, é contundente ao interpretar que o acordo plenario no que a oposición votou pola supresión de lombos nos accesos a Montecelo non é vinculante porque, segundo o edil, hai unha acción de goberno apoiada por informes técnicos. E neste sentido, Bará quixo explicar que manterán reunións veciñais para consultar caso por caso se queren eliminar estes pasos elevados.

Segundo o responsable de mobilidade urbana, a iniciativa da oposición obriga a eliminar lombos en puntos moi sensibles como o situado a vinte metros do Colexio Marcos da Portela nun viario de moito tráfico de acceso a Montecelo no que se atopa en funcionamento o "camiño escolar" con participación de numerosos alumnos. O mesmo sucede, segundo o concelleiro, nos Campos, onde o martes 29 representantes do goberno local manterán unha reunión cos veciños e afectados.

"Explicaremos paso de peóns a paso de peóns e queremos falar tamén con familiares dás vítimas de persoas que morreron por accidentes de coche. Estamos falando de lombos que salvan vidas e non que queiran molestar a ninguén. Demostrouse que é o único sistema eficaz para evitar accidentes graves", indicou Bará que entende que o acordo plenario ten como obxectivo ir contra o modelo de cidade e de seguridade viaria.

En relación coas conversacións con familiares de vítimas, Bará apuntou que tentan facer pedagoxía social e destacou que mantiveran unha reunión con comerciantes dunha rúa na que un asistente indicou que a súa irmá estaría viva se, no seu momento, nun paso de peóns da rúa Juan Bautista Andrade instalouse un lombo. O concelleiro afirmou que entre 1997 e 2006 rexistráronse 16 mortos por atropelo no municipio. Unha cifra que se rebaixou a tres falecidos entre 2006 e 2012. No últimos tres anos non se produciron mortes por atropelo no Concello pontevedrés, unha situación que o representante do goberno local relaciona directamente coa instalación dos pasos elevados.

Por outra banda, Bará engadiu que en Pontevedra están a facerse os lombos máis suaves do que permite a lexislación xa que Fomento propón ramplas do 10% e no municipio están a instalarse cun 6% de inclinación. Insistiu en que o goberno local ha rebaixado xa algúns que tiñan trazados máis duros como en Fernández Ladreda, na avenida de Lugo ou na avenida da Estación.

PP E PSOE PIDEN ESTAR NAS REUNIÓNS VECIÑAIS

Ao fío desta nova postura do BNG con respecto aos lombos, desde o Partido Popular e o PSdeG-PSOE piden estar presentes nos devanditos encontros veciñais. Os populares solicítano nun escrito dirixido á Alcaldía, mentres que os socialistas presentaron unha petición formal no rexistro do Concello. Ambos coinciden en que deben estar nesas reunións para que non se terxiversen" os seus respectivos posicionamentos.

O edil popular César Abal afirmou que o seu partido quere ter voz nesas asembleas cos veciños "para explicar a nosa postura directamente e evitar que outros poidan facer interpretacións interesadas do acordo plenario". Asegura ter "dúbidas" de que Luís Bará entendese o aprobado no Pleno "polo que nos ofrecemos a colaborar con el explicándollo aos veciños".

Pola súa banda, o portavoz socialista Agustín Fernández solicita que eses encontros sexan abertos a todos os veciños das zonas onde se pretenden retirar os lombos e que se convide formalmente ao PSdeG-PSOE como proponente da moción debatida no Pleno e a representantes da asociación de técnicos sanitarios que os veciños "teñan todos os elementos para valorar a proposta".

En todo caso, Agustín Fernández cre que esta estratexia do BNG é un "ataque á democracia" e entende que demostra a "soidade e debilidade" dun alcalde "que non é capaz de acordar nada cos representantes dos veciños elixidos democraticamente". Ademais, sinala que a actitude "intransixente" de Fernández Lores "é o que atenta contra o modelo de cidade", ao desprezar, entre outros, "aos miles de enfermos que se trasladan a Montecelo".