Fan falta mecenas para investigar sobre a biopsia líquida, a que agardas?

Pontevedra
22 de febreiro 2017

O grupo de Oncoloxía Médica Translacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela  (Oncomet) pedía a colaboración para a campaña de micromecenado coa que pretende involucrar a todos os galegos na financiación colaborativa e desinteresada deste novo proxecto de investigación oncolóxica: a biopsia líquida

Campaña de micromecenado do proxecto de investigación oncolóxica: a biopsia líquida
Campaña de micromecenado do proxecto de investigación oncolóxica: a biopsia líquida

A campaña de micromecenado destinada a reunir 500.000 euros para a investigación da biopsia líquida buscaba este mércores mecenas en Pontevedra. 

O grupo de Oncoloxía Médica Translacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Oncomet) pedía a colaboración para a campaña de micromecenado coa que pretende involucrar a todos os galegos na financiación colaborativa e desinteresada deste novo proxecto de investigación oncolóxica: a biopsia líquida.

A través das mesas informativas situadas na praza da Ferrería, Oncomet daba a coñecer as vantaxes desta innovadora técnica non invasiva que logra extraer cunha simple análise de sangue a información de todo o material tumoral ofrecendo resultados case a tempo real.

As doazóns, que contan con importantes vantaxes fiscais, pódense realizar a través da propia plataforma de micromecenado, www.oncomet.es, chamando ao 981 955 344, enviando SMS ou ben a través dun ingreso na conta corrente ES68 2080 0300 8730 4556 7736.

Os membros do grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Oncomet) manifestan o seu fondo agradecemento aos máis de 1.400 doantes que teñen participado na campaña así como aos miles de persoas que axudan a difundir a campaña.

CONFERENCIA COLOQUIO

Para este xoves, 23 de febreiro,o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá unha conferencia a cargo do director de Oncomet, o doutor Rafael López, que explicará os pormenores e as vantaxes desta nova técnica que está a revolucionar o mundo da oncoloxía: a biopsia líquida.

O acto será presentado polo xefe do servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario de Pontevedra, o doutor Manuel Constenla.