Un grupo de familias da rúa Médico Ballina concentrábase na tarde deste luns na chaira na que estaba prevista a construción dun parque infantil e unha cancha multiusos, similar ás instaladas na praza de Barcelos, para os máis novos desta zona. O concelleiro Luís Bará confirmara a promesa nunha visita en marzo de 2016 aos veciños, establecendo como data límite de construción o mes de decembro dese mesmo ano. Oito meses máis tarde, os veciños aínda non saben nada sobre ese proxecto.
Rómulo Crespo, portavoz destas familias, indica que presentaron varios escritos no rexistro municipal preguntando polo parque infantil e tan só respondéronlle ao primeiro. "Nos dicen que están trabajando en ello, como decía Aznar, pero nada más", sinala Crespo. Por este motivo decidiron levar a cabo protestas. Reclaman unha resposta para entender cal é a razón pola que non se puxo en marcha este proxecto.
O portavoz veciñal indica que "el alcalde va por el mundo dicien pardo que la ciudad es amigable, y es cierto, pero no toda la ciudad". Sinalan que o parque infantil máis próximo do que dispón o barrio atópase en Pasarón, pero é demasiado pequeno. As outras alternativas xa pasan polo parque da Xunqueira ou cruzando a ponte. "Si el niño quiere salir a jugar con la pelota media hora, no puedo desplazarme hasta Barcelos", indica Crespo.
Indica que nesta contorna, que inclúe Juan Bautista Andrade, a zona de Lérez e de Alba, haberá ao redor de 50 escolares menores de 10 anos porque a maioría das parellas que residen neste espazo son de xente nova.
Concelleiros de grupos da oposición xa lles manifestaron a súa intención de manter un encontro para coñecer as súas demandas.
RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL
Raimundo González, portavoz do goberno local, alega que os servizos técnicos están a traballar neste proxecto e asegura que se trata dun compromiso político do grupo de goberno.
O parque estaba previsto para o ano 2015, pero afirma que o procedemento vai con lentitude.