O Concello de Vilagarcía de Arousa informa dos avances na retirada do monumento falanxista na igrexa de Santa Baia, traballos que entran xa na fase final. Nos últimos días retirouse a cruz, a coroa e as lápidas. Agora, os operarios que dirixe a restauradora Iria López realizan enxertos e outras técnicas co obxectivo de devolver o muro á súa textura ata onde sexa posible. Segundo indican desde o goberno local, o tempo será o encargado de completar o proceso na fachada do edificio relixioso.
Durante as últimas xornadas restaurouse o muro e tamén se traballa na eliminación da inscrición de José Antonio Primo de Rivera. Espérase que no prazo de dez días finalicen os traballos, de maneira que a principios do mes de marzo o monumento desaparecería completamente da estrutura.
Nesta fachada figuraba unha cruz falanxista en homenaxe a Primo de Rivera e dos falecidos no bando nacional durante a guerra civil. O Concello de Vilagarcía iniciou a principios deste ano toda a tramitación para cumprir coa Lei de Memoria Histórica. O orzamento para esta operación é de 10.610 euros, dos que 5.916 son financiados pola Deputación de Pontevedra.
Esta intervención tamén foi foco de polémica debido a que a Fundación Española de Abogados Cristianos tentou paralizar a retirada da cruz, unha petición desestimada polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra. Ou colectivo alegaba que esta retirada atacaba á Constitución, á Lei de Liberdade Relixiosa e tamén á Lei de Memoria Histórica, ademais da a Convención Europea de Dereitos Humanos.