Nos últimos días, a evolución da pandemia da covid-19 en Galicia experimentou unha lixeira melloría, tanto no número de casos activos como no índice de contaxios. Pero o presidente da Xunta prefire non lanzar as campás ao voo.
"Hai que ser prudentes", sinalou Alberto Núñez Feijóo, que pediu esperar "entre oito e dez días" para avaliar o impacto das restricións postas en marcha en Galicia e que, actualmente, afectan a 60 municipios e a preto do 60% da poboación galega.
Nas zonas que máis tempo levan con restricións, recoñeceu Núñez Feijóo, "as cousas van mellor", pero advertiu que esa situación pode cambiar se nos relaxamos.
Por iso, pediu á hostalería "un esforzo" ante o peche decretado na súa actividade que, engadiu, será "recompensado" coas axudas aprobadas pola Xunta, porque estas "fluctuacións diarias" nos datos "non deben ser consideradas tendencias".
Na súa intervención, o presidente galego destacou que Galicia " sempre" estivo entre as tres ou catro comunidades autónomas con menor incidencia pola covid-19, do mesmo xeito que nos datos de ocupación en UCI ou en hospitais, o que "dá tranquilidade".
"Non hai problemas de asistencia sanitaria por patoloxías covid", asegurou o titular do goberno galego, que recoñeceu que si hai "tensións" nalgunhas cidades e municipios, onde a incidencia foi subindo.