Feijóo recibirá en Pontevedra a maior distinción que outorga Rotary International

Pontevedra
04 de maio 2018

Os nove clubs rotarios que hai en Galicia decidiron outorgar ao presidente da Xunta o Premio Paul Harris Fellow. Recibirao o próximo 31 de maio no transcurso dunha cea de gala conmemorativa do 30 aniversario de Rotary Club de Pontevedra 

Presentación do 30 aniversario do Rotary Club de Pontevedra Rotary Club de Pontevedra

Os nove clubs rotarios que hai en Galicia (Betanzos, Ferrol, A Coruña, Lugo, Narón, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo) decidiron outorgar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a maior distinción que outorga Rotary International, o Premio Paul Harris Fellow. 

O presidente galego recibirá a distinción o próximo 31 de maio no transcurso dunha cea de gala conmemorativa do 30 aniversario de Rotary Club de Pontevedra á que asistirán autoridades e distintos representantes sociais e empresariais da cidade. 

A cea celebrarase na leira Batacos e o prezo da mesma é de 35 euros. As invitacións poderán retirarse na recepción do Hotel Galicia Palace ou a través do mail rotaryclubpontevedra@gmail.com.

O Rotary Club de Pontevedra deu a coñecer este venres os actos previstos para celebrar os seus 30 anos desde a súa fundación en 1988. Ese mesmo 31 de maio, antes da cea, haberá un concerto benéfico a cargo da Real Filharmonía de Galicia

O concerto terá lugar ás 20.00 horas no Pazo da Cultura e será en beneficio dos proxectos sociais da Fundación Humanitaria dos rotarios españois (FHRE). As entradas poderanse adquirir ao prezo de 20 euros a través do portal ticketea. com ou na oficina municipal de Turismo da Praza da Verdura.

Ademais, entre os días 1 e 3 de xuño a cidade de Pontevedra acolle a celebración da X Conferencia Rotaria do Distrito 2201, unha reunión de peche do ano rotario no que se presentan as accións e actos de todo o ano e valóranse os resultados dos proxectos realizados, ademais de compartir novos obxectivos. 

O distrito 2201, ao que pertence o club de Pontevedra, comprende as comunidades de Galicia, Asturias, Castela e León, Madrid, Estremadura, Castela a Mancha e as Illas Canarias. Nesta X Conferencia do Distrito, na que o club de Pontevedra será anfitrión, espera contar coa presenza de máis de 250 rotarios de clubs de España e o estranxeiro.