A feira de oportunidades instalarase na Praza dos Barcos coincidindo con Semana Santa

Sanxenxo
10 de marzo 2025

A cita terá lugar os días 17, 18 e 19 de abril coa presenza de máis dunha trintena de comercios de distintos artigos, etre eles roupa, calzado, alimentación e complementos

Feira de oportunidades na Praza dos Barcos de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

A Mesa Local de Comercio do Concello de Sanxenxo deu luz verde á celebración da feira de oportunidades na Praza dos Barcos coincidindo coa Semana Santa.

A feira de oportunidades terá lugar os días 17, 18 e 19 de abril e contará con máis dunha trintena de comercios de distintos artigos, desde roupa, calzado, alimentación e complementos.

A feira é xa un clásico na programación de actividades de Entretendas que este ano contará con máis expositores que en edicións anteriores e nos que haberá descontos de até o 70%.

"Tivemos unha gran demanda de espazo dos comercios para participar na feira", asegura Conchi Horro, xerente de Entretendas.

A feira recupera o formato estilo 'jaima' que se estenderá pola praza e por todo o paseo.

BALANCE

Na mesa tamén se deu conta das actividades realizadas polo comercio até agora, así como as campañas previstas como a do Día do Pai, o Día da Nai, a Volta ao Cole, vídeos promocionais cos socios, así como cursos de formación para asociados a Entretendas.

Unha memoria de actividades que ten como obxectivo "lograr unha incentivación da demanda con novas fórmulas de distribución comercial da pequena empresa e promocionando o comercio retallista".

A reunión celebrouse este luns e contou coa participación da concelleira de Economía, Facenda e Persoal, Paula Martínez; e a subdirectora Xeral de Comercio, Marta López Quintas, que o fixo a través de videoconferencia.

Tamén participaron o concelleiro de Turismo, Juan Deza; e os representantes dos mercados de abastos de Sanxenxo e Portonovo, Egidio Barral Castro e Loli Pérez Alarcón, e de Entretendas CCU, Conchi Horro.