Feísmo a golpe de cartel

Pontevedra
25 de setembro 2014

Un bo número de carteis de obras xa rematadas dende hai anos afean a cidade de Pontevedra. Nisto coinciden o goberno local de Pontevedra e o Partido Popular

Carteis de obras xe rematadas espallados polo municipio Grupo muncipal del PP

Un bo número de carteis de obras xa rematadas dende hai anos afean a cidade de Pontevedra. Nisto coinciden o goberno local de Pontevedra e o Partido Popular.

O Concello, contempla a retirada destes elementos dentro do programa +BoaVila, unha iniciativa que impulsan os concelleiros nacionalistas, Carmen Fouces, Luis Bará e Anxos Riveiro, e que está destinada a actuar sobre espazos públicos e bens privados co obxectivo de mellorar a calidade urbana e estética do municipio e permitir unha maior convivencia cidadá.

Os populares locais súmanse a esta cruzada contra o feísmo urbano elaborando un inventario de carteis de obras xa rematadas, cuxa retirada esixen ao concello.

Os concelleiros do PP, Jacobo Moreira e Pablo Fernández compareceron en rolda de prensa para chamar a atención sobre un total de 15 carteis de grandes dimensións situados no ámbito urbano de Pontevedra, algún deles do 2006 que corresponde á construción do edificio da Xunta en Campolongo.

O concelleiro Luis Bará celebrou que o PP coincida co goberno local nesta preocupación e precisou que a proposta de +BoaVila e máis ambiciosa pois inclúe os valados de obras públicas pero tamén de privadas e paneis publicitarios. Os técnicos municipais están a elaborar un estudo onde se recompilan todas estes elementos que afean a cidade.

Ademais os populares suxeriron que o Concello esixa ás empresas construtoras a súa retirada.