Fenosa resístese a retirar os cables das fachadas do centro histórico

Pontevedra
07 de novembro 2019

O encanto da zona monumental de Pontevedra vese minguado pola proliferación de cables, fíos, mangueiras e caixas de rexistro nas súas históricas fachadas. Desde hai anos o Concello de Pontevedra traballa para soterrar todo este cableado, pero a falta de colaboración das empresas subministradoras, principalmente Fenosa, impide avanzar neste sentido

Obras na rúa San Martiño
Obras na rúa San Martiño /

O encanto da zona monumental de Pontevedra vese minguado pola proliferación de cables, fíos, mangueiras e caixas de rexistro nas súas históricas fachadas. Desde hai anos o Concello de Pontevedra traballa para soterrar todo este cableado, pero a falta de colaboración das empresas subministradoras, principalmente Fenosa, impide avanzar neste sentido.

O curioso é que nas diferentes reformas que se acometeron nos últimos anos na zona vella incluíron a habilitación de galerías subterráneas que permanecen inutilizadas á espera dunha decisión das compañías eléctricas ou de telefonía.

Son tubaxes preinstaladas a través das tapas de rexistro polo que non é necesario levantar o pavimento.

O concelleiro de urbanismo, Xaquín Moreda comentou que "funcionamos a diferentes velocidades" xa que por parte do concello "está toda a tubaxe metida por debaixo do pavimento" pero as empresas subministradoras actúan "cando a elas lles apetece ou teñen fondos, responden a uns criterios que non sabemos", lamentou.

Xaquín Moreda insistiu en que "dende o Concello facemos o posible para que se quite o cableado das fachadas e se meta polos tubos, é unha pena que se teñan ai instalados e que non se utilicen".

RÚA SAN MARTIÑO

O concelleiro de urbanismo fixo estas declaracións no transcurso dunha visita ás obras de reforma urbana da rúa San Martiño e do segundo tramo da rúa Eirado de Alvar Páez, que acomete a Elsamex con cargo aos fondos da área de rehabilitación integral do centro histórico.

A reforma atópase nun estado moi avanzado e espérase que conclúa cara a final de ano.

"Con esta quedarían dez rúas e espazos públicos por recuperar na zona monumental", detallou Xaquín Moreda, que espera completar este obxectivo durante este mandato.

A intervención na rúa San Martiño inclúe ademais do pavimentado en laxa de pedra de 10 centímetros con chapacuña nos laterais da rúa, a renovación dos servizos e da iluminación.