Un veciño da Lama resultou ferido este venres despois de que o tractor que conducía se precipitase por un desnivel na PO-255, á altura do quilómetro 1, na parroquia de Gaxate.
A pesar da aparatosidade do accidente e ao amplo despregamento de medios activado, o home logrou saír polo seu propio pé do vehículo e, nun primeiro momento, non presentaba lesións de gravidade.
O 112 Galicia recibiu o aviso pouco despois das 15.50 horas. Unha particular alertou de que a súa veciña presenciara desde a súa vivenda como a máquina agrícola saía da vía e caía polo terraplén.
De inmediato activouse un operativo no que participaron o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia, os Bombeiros do Baixo Miño, a Garda Civil de Tráfico e efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Mancomunidade Oitaven-Tea.
Ante a posibilidade de que o condutor quedase atrapado ou sufrise feridas de consideración, tamén se mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela.
A aeronave chegou a tomar terra na zona da Capela de Muíños, onde agardou á espera de trasladar ao equipo médico até o punto exacto do accidente.
Con todo, cando os servizos de emerxencia chegaron ao lugar comprobaron que o home conseguira abandonar a cabina do tractor polos seus propios medios e ascender o desnivel sen axuda. Segundo trasladaron os efectivos de Protección Civil ao 112, o estado do ferido non parecía revestir gravidade.
O tractor, tras saírse da vía, terminou impactando contra unha árbore na ladeira.
Finalmente, non foi necesaria a intervención dos equipos desprazados para liberar ou estabilizar ao condutor, aínda que si se mantivo o dispositivo até confirmar que a situación estaba baixo control.