Fernández Abraldes toma posesión como alcalde prometendo "traballar arreo" por Barro

Barro
15 de xuño 2019

Sendo consciente do "gran compromiso" que representa xestionar os recursos da cidadanía o alcalde asegurou que inicia un novo mandato "cargado de responsabilidade", máis aínda polo apoio maioritario da veciñanza o pasado 26 de maio

Pleno de investidura do Concello de Barro
Pleno de investidura do Concello de Barro

Xosé Manuel Fernández Abraldes foi elixido alcalde do Concello de Barro para os vindeiros catro anos. O BNG sumou nas pasadas eleccións dous edís máis que en 2015 acadando a maioría absoluta con seis concelleiros. O PP ten catro representantes e o PSOE quedou con José Sanmartín como único concelleiro.

Fernández Abraldes agradeceu a veciñanza de Barro a súa participación nos comicios, aos seus compañeiros do BNG que lle escolleron para exercer o cargo de alcalde e tamén "a todos os integrantes do anterior goberno, nomeadamente aos concelleiros do PSOE que nos acompañaron nesa etapa".

Sendo consciente do "gran compromiso" que representa xestionar os recursos da cidadanía o alcalde asegurou que inicia un novo mandato "cargado de responsabilidade", máis aínda polo apoio maioritario da veciñanza o pasado 26 de maio.

O alcalde dixo que "seguiremos gobernando este concello coa man tendida a toda a corporación", pero sobre todo á veciñanza á que "seguimos ofrecendo diálogo, participación e transparencia e pedíndovos que sigades implicados con nós para que entre todos poidamos conseguir un Barro mellor e un Barro do que sentirnos orgullosos".

O rexedor prometeu "seriedade e o rigor" á hora de investir os cartos, "diálogo permanente" coas demais administracións e marcou como prioridade o asentamento de empresas no concello.

Ademáis, no seu discurso, indicou que dende o goberno local "seguiremos apostando pola dinamización social e cultural de Barro en colaboración con todas as entidades sociais do concello".

Finalmente Abraldes asegurou "dedicación plena e absoluta e traballar arreo para solucionar todo aquilo que sexa posible".