Fernando Pérez será o candidato do PP á Alcaldía de Caldas de Reis

Umia
25 de novembro 2022

Pérez, que foi elixido presidente local do partido hai dous meses sinalou que "cada unha das persoas que formamos o Partido Popular somos esenciais para que en maio haxa un Goberno con ideas, con forza, con futuro e cun proxecto serio para Caldas de Reis"

Fernando Pérez, candidato á alcaldía de Caldas, e o seu equipo
Fernando Pérez, candidato á alcaldía de Caldas, e o seu equipo / Partido Popular de Caldas de Reis

Fernando Pérez anunciou este venres ante membros da xunta local do Partido Popular que será o candidato á alcaldía da Caldas de Reis nas eleccións municipais de maio.

Pérez, que foi elixido presidente local do partido hai dous meses sinalou que "cada unha das persoas que formamos o Partido Popular somos esenciais para que en maio haxa un Goberno con ideas, con forza, con futuro e cun proxecto serio para Caldas de Reis".

Agradeceu a confianza do partido e recoñeceu que o que o move "é o interese do meu pobo". En Caldas "traballo e aspiro a que os nosos fillos e as novas xeracións teñan oportunidades para poder seguir vivindo aquí" e engade que o municipio precisa "un cambio a un goberno esgotado, dividido e sen proxecto".

Censurou que a única aspiración que ten o BNG no concello "é que non goberne o PP" e considera que é "momento de cambiar o rumbo". Destacou que entre as cousas que fixo o partido no municipio foi investir en saneamento, a ampliación do instituto, no novo centro de saúde ou a posta en marcha da concentración parcelaria de Bemil. "Todo isto coas limitacións que temos na oposición, si gobernamos a partir de maio imaxinade todo o que podemos facer para conseguir infraestruturas e equipamentos para o noso concello".

Pola súa parte, Luis López destacou que Pérez contará en Caldas cun "equipo unido e un proxecto definido e consistente". Apuntou, ademais, que "as sensacións que nos trasladan os cidadáns e o traballo que están a facer Fernando e o seu equipo indícanos que vai haber cambio e que vai haber un apoio claro e rotundo para que poidamos activar a un concello que o pide a berros".

Di que Caldas de Reis e os seus veciños "non merecen o declive dun Goberno local máis centrado en resolver cuestións internas, que non benefician aos veciños que en resolver. Temos un Goberno socialista moi desgastado".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora