O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o vindeiro 20 de xaneiro o acto de entrega dos premios Cidade de Pontevedra, coincidindo coa festividade patronal de San Sebastián.
Uns galardóns que cada ano distinguen a persoas e entidades pola súa contribución ao desenvolvemento social, cultural e patrimonial de Pontevedra e pola proxección da Boa Vila máis alá das súas fronteiras.
O xurado, integrado por representantes dos tres grupos políticos da corporación municipal, entidades veciñais, sectores sociais e medios de comunicación locais, acordou por unanimidade conceder os premios deste ano a Fernando Pintos, a título individual, e á entidade Polo Correo do Vento, coma persoa xurídica.
Segundo deu a coñecer o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, no caso de Fernando Pintos, o edil destacou unha traxectoria marcada polo compromiso constante coa parroquia de Salcedo e coa defensa dos bens comúns.
Pintos deixou o pasado ano a presidencia da Comunidade de Montes en Man Común de Salcedo, cargo que agora ostenta de xeito honorífico, tras décadas de traballo en favor do monte, do patrimonio e dos dereitos veciñais.
Gómez subliñou que foi "un defensor incansable do patrimonio histórico, etnográfico e cultural da parroquia" e unha persoa implicada en practicamente todas as iniciativas desenvolvidas en Salcedo, dentro e fóra das institucións.
Desde o Concello tamén se quixo agradecer o seu espírito colaborador, fundamental para facer realidade proxectos como o campo de fútbol de Salcedo, a Casa Verde, o parque parroquial, o roteiro do Castro das Croas ou a recuperación dos muíños, entre outras iniciativas.
"Se algo se lle pode reprochar é que sempre ía por diante de nós", afirmou Gómez, recoñecendo que moitas das actuacións realizadas quedaron mesmo por baixo das ambicións de Pintos para a parroquia.
Na categoría de persoa xurídica, o premio recae este ano en Polo Correo do Vento, un proxecto artístico e comunicativo nacido en Pontevedra que destaca pola súa creatividade e pola calidade do seu traballo.
O xurado valorou especialmente dous aspectos: o feito de dirixirse ao público infantil, cunha proposta cultural de alto nivel, e a aposta decidida pola defensa e recuperación da cultura galega e do patrimonio, a través de linguaxes artísticas accesibles e coidadas.
O concelleiro lembrou tamén que Polo Correo do Vento é froito do traballo de Quique Mauricio e Carlos Taboada, e que esta distinción ten este ano unha carga emocional especial tras o recente falecemento de Carlos Taboada, unha perda moi significativa para a cultura galega.
A entrega dos premios converterase así nunha homenaxe ao compromiso co territorio, á creatividade e á cultura, valores que Fernando Pintos e Polo Correo do Vento representan e que os premios Cidade de Pontevedra queren recoñecer e poñer en valor.