Os Feroz, uns premios que "deixan pouso" tamén nas empresas de Pontevedra

Pontevedra
16 de xaneiro 2026
Actualizado: 16:25

Krack, El Nogal e Paco & Lola colaboran como patrocinadores e anuncian accións "únicas" de promoción na gala. O alcalde destaca que buscan un impacto na sociedade e a economía da cidade

Representantes de Krack, El Nogal e Paco & Lola con Miguel Anxo Fernández Lores e Anabel Gulías
Representantes de Krack, El Nogal e Paco & Lola con Miguel Anxo Fernández Lores e Anabel Gulías / Cristina Saiz

As empresas Krack de Pontevedra, El Nogal de Campo Lameiro e Paco & Lola de Meaño terán unha presenza moi activa o vindeiro sábado 24 de abril durante a gala de entrega dos premios Feroz.

Colaborarán como patrocinadoras e este venres representantes de todas elas reuníronse co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de promoción da cidade, Anabel Gulías.

Foi unha forma de pór en valor a estas tres empresas e a pegada que deixan os Feroz na cidade. "Unha das condicións que puxemos para organizar a gala dos Feroz en Pontevedra foi que tivera repercusión social e económica na cidade", lembrou Lores.

Así, insistiu en que "non é só unha gala onde imos todos e todas guapísimos na alfombra vermella, saimos na televisión e proxectamos a imaxe da cidade", senón que buscan que tamén se deixe notar na propia sociedade pontevedresa, que teña relación coa universidade, coas empresas promotoras, co tecido asociativo e con tecido industrial, económico e empresarial.

Seguindo esa filosofía, móstranse "encantados" de contar con esta colaboración do tecido empresarial, que "potencia dalgunha maneira o esforzo que está facendo o Concello" para ter os premios en Pontevedra e "deixa pouso e beneficia a sociedade en xeral".

Representantes de Krack, El Nogal y Paco & Lola con el alcalde y la estatua de los Feroz
Representantes de Krack, El Nogal e Paco & Lola co alcalde e a estatua dos FerozCristina Saiz

Krack, empresa do sector do calzado e os complementos, xa foi patrocinadora en 2025 e sorprendeu cunha máquina expendedora de zuecos que logo lle valeu o Premio Paraugas do Clúster de Comunicación de Galicia á mellor estratexia de marketing e este 2026 prometen volver dar que falar.

Viviana López Novoa, responsable de comunicación da empresa, lembrou que o ano pasado "leámonos a manta á cabeza para facer algo orixinal, diferente e que nos representase" e, tras o éxito, quixeron repetir.

Volverán á postgala cunha acción distinta na que "a idea é sorprender de novo, non só aos asistentes, senón ao público que siga a gala polas redes sociais e pola tele". Buscarán que se coñeza a Krack e os seus produtos e tamén que a xente "leve un bo recordo da gala e da cidade de Pontevedra". Queren que sexa "sorpresa" e irano desvelando durante a próxima semana.

El Nogal estréase nos premios e tamén busca sorprender. Segundo recoñece Sabela Cidrás, están "superemocionados" porque o intentarón o ano pasado e quedaron "ás portas" e este ano tiveron "a sorte de que fixemos unha proposta que lles encantou á organización".

"O que queremos achegar é que todos os que veñan ver a gala e que visiten Pontevedra se vaian dicindo: Que ben nos coidaron! Como perfectos anfitrións, como somos os galegos", explicou.

No seu caso, ofrecerán varias elaboracións con améndoa marcona tanto para dar a benvida aos invitados como na festa posterior. "A idea é sorprender con benestar", insistiu.

Paco & Lola repite tamén e será o viño oficial da gala. Laura Cachón, responsable de marketing e comunicación, indicou que para eles é "un pracer repetir", pois "non podía faltar un Rías Baixas" nesta cita.

Ofrecerán por segundo ano o seu viño sen alcol e será o primeiro evento no que participen tras ser recoñecidos o ano pasado como mellor adega produtora de viño branco do mundo. "Queremos celebralo nos Feroz, é a primeira celebración do ano e ímolo facer por todo alto", destacou.

Representantes de Krack, El Nogal y Paco & Lola con Miguel Anxo Fernández Lores y Anabel Gulías
Representantes de Krack, El Nogal e Paco & Lola con Miguel Anxo Fernández Lores e Anabel GulíasCristina Saiz

 

Arquivado en