A Festa da Ameixa de Campelo xa é festa de interese turístico de Galicia

Poio
25 de maio 2026

A Xunta recoñece así a antigüidade e continuidade no tempo desta celebración, así como a súa singularidade, o seu impacto cultural e o seu arraigamento na comunidade

Comensais na Festa da Ameixa
Comensais na Festa da Ameixa / Concello de Poio

Campelo está de parabéns. O seu evento máis emblemático, a Festa da Ameixa, vén de ser distinguida como festa de interese turístico de Galicia.

Así o acordou este luns o goberno galego. Foi durante a súa xuntanza semanal.

O Consello da Xunta aprobou ampliar o catálogo de festividades de interese turístico de Galicia coa aprobación de tres novas adhesións.

Ademais da Festa da Ameixa, lograron este recoñecemento a Romaría de Santa Minia, en Brión; e a Noite Meiga de Sarria.

A través desta declaración, a Xunta destaca a súa compoñente como iniciativas tractoras de turismo.

Recoñecen así a antigüidade e continuidade no tempo destas celebracións, así como a súa singularidade, impacto cultural e arraigamento na comunidade.

A Festa da Ameixa de Campelo celébrase en Poio cada ano dende 1988.

Esta celebración é, destacan desde a Xunta, "parte esencial da identidade cultural e a idiosincrasia propia" desta vila mariñeira cunha importante tradición marisqueira, que se remonta máis de 2.500 anos, ata a época castrexa.

Con estas novas adhesións, Galicia amplía o seu catálogo de festas de interese turístico ata máis de 140 celebracións.

Entre elas hai eventos culturais, gastronómicos, musicais, relixiosos e outras festividades e iniciativas con ampla capacidade de atracción de visitantes.