Diferentes puntos do centro urbano de Marín acollerán este venres a 'Festa de Fin de Cole', unha das accións centrais da campaña 'Vive un Verán Estrela'.
A concelleira de Comercio e Turismo do Concello de Marín, Cristina Acuña, e o director xerente do CCA Estrela de Marín, Yonathan Carreira, presentaron esta iniciativa.
Será unha xornada para celebrar o final do curso escolar e, ao mesmo tempo, impulsar as compras no comercio local no inicio do verán.
A programación desenvolverase principalmente na Alameda onde instalarán entre as 17:00 e as 20:00 horas unha portaría de puntaría 'Champions League', un penalti con porteiro xiratorio e unha diana xigante con balóns de velcro.
A partir das 18:30 horas arrincará o resto da programación, cun touro mecánico, un inchable e un taller para nenos e nenas de 7 a 12, e un inchable crocodilo, ludoteca creativa e taller de pintacaras para os máis pequenos.
Para pechar a xornada celebrarase unha gran festa da espuma no Parque Eguren a partir das 20:30 horas.
Durante a presentación, Acuña e Carreira destacaron que esta proposta busca encher de vida o centro urbano, atraer ás familias ás rúas comerciais e pór en valor o comercio local como espazo de encontro e experiencia compartida.
A participación nas actividades é gratuíta, previa presentación de calquera ticket de compra con data de 1 de xuño en diante.