O CCA Estrela de Marín preparou unha nova iniciativa de dinamización comercial para este verán.
A campaña, 'Vive un Verán Estrela', foi presentada este xoves polo presidente do CCA Estrela de Marín, Antonio Muíños e a Concelleira de Turismo e Comercio, Cristina Acuña, e desenvolverase entre o 1 de xuño e o 11 de xullo nos establecementos asociados.
A campaña inclúe sorteos, actividades de rúa e accións de fidelización, así como o rexistro de tickets de compra para participar no sorteo de 6 cartóns regalo de 50 euros, unha por semana.
Ademais, contará coa 'Festa Fin de Cole', que se celebrará o venres 19 de xuño, a partir das 17.00 horas, na Alameda Rosalía de Castro, cunha zona de lecer e actividades destinadas á público familiar. A xornada terminará cunha festa da espuma ás 20.30 horas no Parque Eguren.
A asociación ten preparada a 'Noite Estrela', na que os establecementos participantes prolongarán o seu horario até a medianoite, ofrecendo promocións e descontos especiais entre as 20.00 e as 00.00 horas. Será o venres 10 de xullo.
A maiores, a clientela do Club de Fidelización Comercio de Marín poderá acumular puntos de 1 de xuño ao 31 de agosto para trocalos por agasallos promocionais de verán. O catálogo estará dispoñible en: Catálogo de agasallos | Comercio de Marín.
Con esta campaña, o CCA Estrela de Marín busca xerar máis movemento nas rúas comerciais, apoiar os establecementos da vila, premiar a fidelidade da clientela e facer do verán unha oportunidade para seguir fortalecendo o comercio local.
A campaña conta coa colaboración do Concello de Marín e a cofinanciación da Xunta de Galicia.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.