Marín celebra o éxito da campaña de Bonos Comercio

Marín
17 de marzo 2026
Actualizado: 17:38

A campaña esgotou case a metade dos bonos dispoñibles e mobilizou centos de operacións de compra no tecido comercial da vila. En total descargáronse 278 e trocáronse 235

Campaña Bonos Comercio en Marín
Campaña Bonos Comercio en Marín / Concello de Marín

O Concello e o Centro Comercial Aberto Estrela de Marín (CCA) valoran "moi positivamente" os resultados da campaña de bonos que buscaba incentivar o consumo local durante un mes.

A inciativa, xa finalizada, esgotou case a metade dos bonos dispoñibles e xerou centos de operacións de compra no comercio da vila, segundo os organizadores.

En canto aos resultados principais, o número total de bonos descargados foi de 278, os trocados foron 235 e o importe mobilizado en vendas de 16.131,17. O retorno da campaña, pola súa banda, é de 6,86 euros por cada euro investido.

Os bonos pendentes de trocar terán unha validez de 360 días segundo as bases do club de fidelización 'Comercio de Marín', requisito obrigatorio para poder acceder a estes bonos de 20 e 30 euros.

A campaña, ademais, incrementou o fluxo de clientes nos establecementos adheridos, fidelizó consumidores mediante o club de fidelización e dinamizou vendas nun período tradicionalmente bambo.

Ademais, visibilizó a oferta comercial de proximidade cun modelo de bono directo cargado no cartón tras verificar o pago, áxil e seguro para clientes e comerciantes.

Tanto o Concello como o CCA destacan que "a iniciativa cumpriu o seu obxectivo de incentivar o consumo local mediante descontos directos que demostran a eficacia da colaboración entre administracións e o centro comercial".

Os comerciantes, en enquisas, propoñen dous prazos de descarga. O primeiro, para as persoas empadroadas, e o segundo, en caso de non esgotarse os bonos, para calquera persoa interesada.

Tamén destacaron a opción do cartón físico de 30 euros para mitigar a fenda dixital.

Por último, todos os comerciantes que responderon á enquisa estarían dispostos a participar nunha nova edición.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora