Festixeve, 20 anos de romaría laica

Pontevedra
22 de xullo 2015

O Festixeve, "como boa festa", comezará cunha cea a partir das 21.30 horas deste sábado 25. "Comer, beber, bailar e disfrutar", explicou Da Silva. E é que, tras a cea, actuarán en Xeve los Amigos do Acordeón das Rías Baixas, a banda de baile Asalto Foula e os Festicultores Troupe. O domingo 26 haberá 'xantar popular' na carballeira e 14 mesas cheas de empanada

Festixeve 2013
Festixeve 2013

Unha romaxe popular e, a diferenza da práctica totalidade das que se celebran en Galicia, laica. Iso é o Festixeve, unha festa que a Asociación Recreativa Xeve leva celebrando dende hai 20 anos e que, este 2015, como cada mes de xullo, regresa ao campo de Vilar de Fragoso, en Santo André de Xeve. A programación festiva comezará este xoves 23 de xullo, pero terá os seus días centrais a fin de semana do 25 e 26 con 'xantar popular' e música como os seus principais atractivos.

A concelleira de Festas de Pontevedra, Carme da Silva, e o presidente da asociación Recreativa Xeve, Florencio Chantrero, incidiron este mércores nos 20 anos de historia que cumpre este ano o Festixeve e no seu carácter de festas que implica a toda a parroquia. "Creo que ese é parte do éxito desta festa, que dende o principio están implicados os veciños", indicou a edil pontevedresa, e engadiu que durante as dúas semanas previas á súa celebración hai unha media de 12 persoas diarias implicadas na súa organización.

O Festixeve, "como boa festa", comezará cunha cea a partir das 21.30 horas deste sábado 25. "Comer, beber, bailar e disfrutar", explicou Da Silva. E é que, tras, a cea, chegará o apartado musical e actuarán en Xeve los Amigos do Acordeón das Rías Baixas, a banda de baile Asalto Foula e os Festicultores Troupe. Os máis pequenos poderán gozar durante toda a tarde con inchables acuáticos e de terra entre as 18.00 e as 22.30 horas.

O domingo 26 é o dia en que os organizadores esperan máis persoas en Xeve. É habitualmente o día en que hai máis participantes, que se animan ao 'xantar popular' na carballeira. Como sucede nas romaxes máis tradicionais, cada participante levarase a súa propia comida, pero, ademais, a organización ofrecerá 14 mesas cheas de empanada.

Pola tarde, volverán os inchables e, a partir das 17.00 horas, actuará Olodum do Coio. Avanzada a tarde chegará a charanga Os Encerellados de Campo Lameiro para animar a celebración.

A programación terá un aperitivo durante as xornadas deste xoves 23 e este venres 24, nas que haberá competicións deportivas e actividades infantís.