Figueroa loce un renovado campo da festa con aparcadoiro

Cerdedo Cotobade
16 de maio 2018

Nesta obra investíronse 140.000 euros coa idea de que acolla todas as actividades sociais ao aire libre na parroquia de Cerdedo-Cotobade. O alcalde visitaba este mércores as instalacións

Jorge Cubela no novo campo da festa de Figueroa
Jorge Cubela no novo campo da festa de Figueroa

As obras de renovación e ampliación do campo da festa da parroquia de Figueroa en Cerdedo-Cotobade xa están rematadas, tras executarse uns traballos orzados en 140.000 euros. O presidente do municipio, Jorge Cubela, visitaba este mércores as instalacións para comprobar os últimos retoques na pavimentación e a instalación de valos e peches.

Para acometer este proxecto foi necesario escavar o terraplén, explanar o recinto e construír un muro de contención de pedra con dous metros de altura e outro de 20 centímetros de ancho e un metro de altura con valos exteriores de cobertura plástica.

A obra tamén incluíu a recollida de augas pluviais cun sistema de entubado. O campo da festa conta tamén cunha porta deslizante de aceiro galvanizado de 8 metros de lonxitude. 

Segundo Cubela, este recinto conta agora con dimensións suficientes para acoller todas as actividades sociais da parroquia. Ademais incorporouse unha zona de estacionamento para facilitar o aparcadoiro a todas aquelas persoas que acudan ás festas en vehículo.