Fin ás fochancas do aparcadoiro baixo a ponte da autoestrada ao carón da Casa do Mar

Pontevedra
25 de xaneiro 2024

O Concello de Pontevedra acordou intervir nos dous estacionamentos da rúa Simón Bolívar para acabar coas fochancas, canalizar as augas pluviais, construír sumidoiros, retirar entullos e ordenar os espazos no primeiro aparcamento

Aparcadoiro baixo a ponte da autoestrada ao carón da Casa do Mar
Aparcadoiro baixo a ponte da autoestrada ao carón da Casa do Mar / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra iniciou esta semana os traballos de reparación do estacionamento situado na rúa Simón Bolívar, ao carón do Centro de especialidades Casa do Mar, baixo a ponte da autoestrada. 

Estes dous espazos, situados entre Rosalía de Castro e a avenida de Marín, atopanse en mal estado, especialmente o máis próximo a autovía, e resulta moi complicado o seu uso para os condutores.

A Concellaría de Servizos urbanos básicos, que dirixe Xaquín Moreda acordou intervir neste espazo xa que é moi empregado para as persoas usuarias da Casa do Mar.

A intervención, que aínda se está a desenvolver, consiste na reparación das fochancas, na recollida e canalización de augas pluviais para evitar asolagamentos e permitir que a reparación dure máis tempo; a instalación de sumidoiros, e reafirmación dos pavimentos exteriores do estacionamento para evitar que se caian.

Tamén se vai a actuar na parcela superior facilitando o acceso ao estacionamento e reordenando os tráficos peonís. Farase un acceso á parcela e limparase de entullos e maleza para aproveitar ben os espazos de aparcamento.