Membros da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e do Concello de Poio percorreron este venres parte do tramo da estrada onde se creou o carril bici e a senda peonil que unen Chancelas e Combarro.
O proxecto levouse a cabo grazas a un financiamento a tres bandas entre o Concello, a Xunta e a Deputación, valorada en 512.000 euros, dos cales o goberno autonómico e o provincial investiron un total de 256.000 euros cada un.
Os traballos previos incluíron, ademais da construción do carril bici e a senda peonil, a mellora do firme mediante reasfaltado e a habilitación de cunetas para unha eficaz evacuación de augas pluviais.
O proxecto busca fomentar unha mobilidade máis sostible nun punto de gran valor patrimonial e turístico como Combarro, reducindo o tráfico rodado e favorecendo o tránsito peonil e o uso da bicicleta.
Durante a visita, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, Diego Calvo, destacou a importancia supramunicipal desta actuación, sinalando que contribúe a desconxestionar unha vía crave para varios dos municipios máis turísticos das Rías Baixas.
A través desta liña estratéxica, o goberno galego apoia o desenvolvemento económico e social dos concellos galegos, vinculando melloras en turismo, deporte e medio ambiente.
En 2024, aprobáronse 39 proxectos en toda Galicia, dos cales a metade corresponden á provincia de Pontevedra.
Entre os beneficiarios destacan municipios como Meaño, Moraña e Soutomaior, que recibiron axudas para melloras en mobilidade; O Rosal, Baiona e Bueu, para instalacións deportivas; ou O Porriño, que destinou a axuda a servizos sociais.
Ante esta alta demanda, a Xunta decidiu aumentar para 2026 a partida destinada a esta liña até os 10 millóns de euros.

Neste sentido, Diego Calvo lembrou que ao longo do ano impulsáronse preto de mil actuacións municipais con diferentes liñas de axuda como a orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental e as axudas para eficiencia enerxética cofinanciadas por fondos Feder.
Só o Concello de Poio recibiu aproximadamente 650.000 euros provenientes destas medidas da Xunta nos últimos anos.