Finxe estar paseando un can en Monte Porreiro para non ser detido por roubar un coche

Pontevedra
05 de abril 2020

O home, que ten 46 anos, foi detido pola Policía Local de Pontevedra como autor dun delito de furto en grao de tentativa e, por outra banda, foi denunciado por infrinxir as restricións impostas polo estado de alarma

Control da Policía Local de Pontevedra
Control da Policía Local de Pontevedra / Diego Torrado

O confinamento polo coronavirus agudizou a picaresca dos cidadáns e, especialmente, daqueles que aproveitan esta situación para realizar actividades delituosas. O último caso rexistrado en Pontevedra produciuse no barrio de Monte Porreiro.

Un home de 46 anos foi detido por tentar roubar un coche que estaba aparcado na rúa. O peculiar do caso é que, tras ser sorprendido pola Policía Local, saíu do vehículo e tratou de disimular o que estaba a facer collendo un can que estaba ao seu lado.

Ante os requirimentos dos axentes, o individuo tentou finxir que o estaba paseando.

Os feitos, segundo informou a Policía Local, producíronse sobre as cinco da madrugada do pasado día 3 de abril.

Unha patrulla que estaba a vixiar a zona de Monte Porreiro descubriu a esta persoa no asento dianteiro dun Citroën C2. O home, ao ver á policía, saíu do seu interior, pechou a porta e botou man do can que se atopaba na rúa.

Os axentes achegáronse a esta persoa e descubriron que un dos portelos estaba roto e que, ademais de haber cristais no chan, o home tiña feridas en ambas as mans.

Ademais, a radio do coche estaba extraída e cos cables colgando e, á altura do cadro de mandos, tamén se atopaba arrincada a caixa de fusibles.

O home foi detido como autor dun delito de furto en grao de tentativa e, por outra banda, foi denunciado por infrinxir as restricións impostas polo estado de alarma.