Fisioterapia e Belas Artes, as primeiras facultades do campus en facer PCR ao alumnado

Pontevedra
15 de outubro 2020

A Universidade de Vigo xa está a desenvolver no campus de Pontevedra as probas PCR que se comprometeu a realizar entre o seu alumnado co obxectivo de controlar a evolución da covid-19. A pasada semana realizaba un cribado ao persoal dos tres campus, Pontevedra, Vigo e Ourense, que deu como resultado cero casos

Tubos coas mostras para facer a proba PCR
Tubos coas mostras para facer a proba PCR / Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo xa está a desenvolver no campus de Pontevedra as probas PCR que se comprometeu a realizar entre o seu alumnado co obxectivo de controlar a evolución da covid-19.

En Pontevedra foron dous os centros escollidos para acometer os tests masivos PCR sobre saliva: a Facultade de Fisioterapia e a de Belas Artes.

Este xoves, o reitor Manuel Reigosa manifestaba durante unha visita á subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, a súa tranquilidade porque "os datos que temos de contaxio son bastante baixos con respecto a outras universidades, especialmente nos campus de Pontevedra e Vigo; hai un pequeno grao maior de incidencia en Ourense, pero en todo caso datos bastante tranquilizadores".

Así mesmo, o reitor lembraba que o cribado realizado a pasada semana ao persoal de administración e servizos (PAS) e ao personal docente e investigador (PDI) deu como resultado cero casos.

En relación coas probas que de xeito semanal se van realizar entre os estudantes ao longo do curso e mentres dure a pandemia, o reitor adiantou que "se van facer entre o alumnado que poida ter algún risco se hai algún alumno na súa aula que tivera un contaxio previo".

Precisamente o desenvolvemento dun sistema propio para controlar a ocupación nas diferentes aulas "polo cal sabemos exactamente os alumnos que están na aula e o tempo que pasan nela. Teñen que 'fichar', digamos, co móbil, o posto físico no que están, co cal podemos, cando se produce un caso positivo, poñer a rede de alerta interna a funcionar", explicaba o reitor.

"Loxicamente neste tempo haberá persoas que estean na universidade que teñan contaxio, pero aspiramos que sexa un lugar absolutamente seguro", manifestaba Reigosa.