Unha rede de biomasa servirá calor ás facultades do campus

Pontevedra
19 de outubro 2020

O campus de Pontevedra segue a avanzar no seu compromiso ambiental. O último proxecto neste eido, segundo avanzou o goberno municipal, será a instalación dunha rede de biomasa que, a través dunha caldeira, subministrará calor a dúas das súas facultades

Vista do campus de Pontevedra
Vista do campus de Pontevedra / Universidade de Vigo

O campus de Pontevedra segue a avanzar no seu compromiso ambiental. O último proxecto neste eido, segundo avanzou o goberno municipal, será a instalación dunha rede de biomasa que, a través dunha caldeira, subministrará calor a dúas das súas facultades.

O Concello concedeulle a licenza á universidade para a instalación da caldeira, que estará situada nunha nave de 272 metros cadrados entre as facultades de Ciencias Sociais e Ciencias da Educación e do Deporte, e da colocación da rede de canalizacións cara os centros.

O orzamento desta actuación ascende a 572.479,07 euros e o prazo de inicio das obras non debe superar os seis meses desde a notificación da aprobación da licenza. A instalación ten que estar rematada no prazo dun ano.

Antes de conceder a licenza, os servizos técnicos municipais emitiron informe sobre a non interferencia da instalación das tubaxes noutras redes de servizos municipais.

A Universidade de Vigo, pola súa banda, achegou a resolución da Consellaría de Medio Ambiente da non procedencia de formulación de declaración de incidencia ambiental e a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

Este sistema, segundo salientou o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade da Universidade de Vigo, José Luis Míguez, terá unha potencia de 2MW e permitirá limitar a emisión de preto de 250 toneladas de CO2 á atmosfera.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, sinalou que este é un "primeiro paso" para que todo o campus conte con este tipo de enerxía verde, algo que engadiu "vai en consonancia" coa "vangarda ambiental" que hai no propio municipio