Flexibilizan as condicións á hostalería para optar á prestación extraordinaria por suspensión de actividade

Pontevedra
10 de novembro 2020

Aqueles empresarios que non realicen servizo a domicilio ou de recollida en local poderán presentar unha declaración responsable para solicitar esta prestación. O Ministerio de Inclusión indicaq que tanto se realizan estas actividades como se non, poden solicitar a prestación compatible coa actividade se teñen unha baixada da facturación do 75% respecto a 2019

A hostalería de Pontevedra inclúe unha doazón de alimentos entre as súas accións reivindicativas para solicitar axuda
A hostalería de Pontevedra inclúe unha doazón de alimentos entre as súas accións reivindicativas para solicitar axuda / Mónica Patxot

O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións decidiu flexibilizar o acceso á prestación extraordinaria por suspensión temporal da actividade para traballadores autónomos. 

Esta decisión responde as críticas xurdidas durante os últimos días naqueles territorios como Galicia onde se atopa suspendida a actividade de restauración e hostalería, agás no caso do servizo a domicilio, coa intención de reducir a propagación da covid-19.

O artigo 13 da Real Decreto Lei no que se establecían as axudas aos autónomos se indica que entre os requisitos para o acceso á prestación os traballadores autónomos deben estar "afectados por unha suspensión temporal de toda a actividade como consecuencia de resolución da autoridade competente como medida de contención da propagación do virus". 

Co criterio especifícase que os hostaleiros que non realicen servizo a domicilio ou de recollida en local poderán presentar unha declaración responsable para acceder á prestación. A contía da prestación é do 50% da base mínima de cotización que corresponda pola actividade desenvolvida, unha cantidade que se incrementa un 20% se o traballador autónomo é membro dunha familia numerosa, ou do 40% se convive con parentes de primeiro grao con dereito a esta prestación. Queda tamén exonerado do pago de cotas, aínda que o período cóntalle como cotizado.

Os traballadores autónomos, tanto no caso de que realice actividade a domicilio coma se non, poden solicitar a prestación compatible coa actividade se rexistran unha baixada de facturación que alcance o 75% respecto ao último trimestre de 2019 ou do 50% en relación co primeiro trimestre deste 2020.

No mes de outubro rexistráronse de media 3,265 millóns de afiliados á Seguridade Social no Réxime de Autónomos, 1.816 máis que en setembro e supérase a cifra marcada en febreiro, antes da pandemia.

O 30 de outubro, a Seguridade Social achegou 234,21 millóns de euros a máis de 256.000 traballadores autónomos aos que se lles recoñeceron as prestacións establecidas. 15.000 acolléronse á prestación por suspensión temporal da actividade.