Centos de hostaleiros de Pontevedra, Marín e Poio berran "basta"

Pontevedra
16 de novembro 2020

Profesionais do sector maniféstanse fronte á delegación da Xunta en Pontevedra para reclamar axudas que lles permitan sobrevivir a unha crise da que senten sinalados como responsables. Por iso insisten en que "a hostalería é segura"

Centos de hostaleiros de Pontevedra, Marín e Poio concéntranse diante da delegación da Xunta / Mónica Patxot

Unha cacerolada que podía oírse desde diversos puntos da cidade e uns xardíns da delegación da Xunta en Pontevedra ateigados. Preto de medio milleiro de persoas participaron este luns nunha das concentracións máis multitudinarias desde o inicio da pandemia.

O obxectivo? Protestar contra o peche da hostalería e esixir medidas de apoio contra un sector que sente sinalado como responsable da segunda onda da covid-19 e que navega de forma irremediable cara ao naufraxio. 

Promovida pola Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) e a plataforma de afectados pola covid-19, a cita contou coa presenza de hostaleiros procedentes de Poio, Marín e Pontevedra equipados con pancartas, bucinas, sogas e vestidos de loito.

Os afectados quixeron escenificar, baixo o lema "non somos o problema, somos a solución», a morte dun colectivo que "sustenta unha enorme cadea de sectores, desde o primario, produtores, elaboradores e distribuidores, que veñen ao abismo connosco", deixaron claro no manifesto lido durante a concentración

O malestar do sector quíxoo deixar claro tamén o presidente de Hoempo, Vïctor Pampín. "Estamos xa na UCI, cada vez estase apertando máis e a situación é crítica. Moitos non van soportar esta situación e van ter que pechar definitivamente. Pedimos axudas para que podamos superar esta crise e reiniciar a actividade nun futuro próximo", declarou o portavoz dun sector que arrastra graves problemas económicos desde o mes de marzo e que considera "insuficientes" as axudas anunciadas ata a data polos gobernos das disitntas administracións. 

Á marxe do tema económico, a hostalería síntese tamén sinalada. "Cada vez póñennolo máis difícil, tachándonos de culpables desta situación, cando estudos recentes din que a hostalería non é foco de contagios. Estamos e seguimos criminalizados, insistimos en que non somos o problema, somos a solución. Cumprimos sempre os protocolos, pero apuntáronnos desde o primeiro momento», denuncia Pampín, que mañá estará xunto ao colectivo nunha protesta conxunta en Santiago.

Entre as esixencias dos hostaleiros para poder superar esta crise está a exención e devolución das taxas municipais do 2020, que se cubran os gastos fixos mensuais de autónomos e empresarios e un ERTE único e facilidade de fraccionamento de todos os impostos e cargas sociais.

O sector insiste en que "a saúde é o primeiro, pero queremos desenvolver o noso traballo baixo as normas que nos marque Sanidade", conclúen coa petición a toda a cidadanía de que se una á súa causa porque "lembras todo o que viviches nos nosos bares?, como serías sen a hostalería?, apela o manifesto.