A hostalería de Pontevedra está pechada como medida de prevención da expansión da covid-19 pero moitos locais manteñen aínda a súa actividade con venda de produtos a domicilio e para recoller.
E desde este luns, estes fieis clientes poden achegarse tamén aos seus locais para deixar por escrito o seu apoio ao sector e adherirse á plataforma de afectados pola pandemia, que tratará de facer valer diante das administracións o apoio social co que contan para conseguir axudas que consideran tan xustas como necesarias para todo o tecido produtivo de área metropolitana de Pontevedra.
O documento que está ao dispor de calquera persoa recolle que "esta plataforma está composta por persoas ou entidades afectadas pola covid-19 e que ten cabida toda aquela persoa ou entidade que queira apoiar as reivindicacións desta plataforma".
Explican ademais que "promoverán a colaboración e unión con outras asociacións en busca do ben común" e comprométense a "loitar por todas aquelas peticións que sexan xustas para poder paliar os efectos que sofren entidades e persoas por mor da pandemia".
Foxen ademais de servir como instrumento para a loita partidista, pero si aceptan o apoio de calquera cargo político que queira unirse á causa dos afectados. Ademais, os seus integrantes comprométense a "facer todo o posible para cubrir as causas xustas dos seus membros, xa sexa representando aos seus membros ante as entidades públicas ou con accións reivindicativas".
Ao mesmo tempo, e como xa demostraron coa recollida solidaria en favor do banco de alimentos de Monte Porreiro do pasado sábado, "promoveranse todo tipo de accións solidarias en favor das persoas que máis o necesiten", conclúen os sete puntos que están a asinar xa decenas de pontevedreses.